Actividades

"Novos lobos" de Fantoches Baj, este sábado en Outeiro de Rei

A Casa-Museo acolle este espectáculo de Inacio Vilariño

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 26 de marzo, ás 17 horas, o espectáculo de Fantoches Baj, Novos Lobos. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir de cinco anos, nel mestúrase a narración oral coa manipulación dos títeres.
Espectáculo baseado en contos da literatura popular adaptados e interpretados desde outras olladas. O espazo en que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña onde un pastor está a coidar das súas ovellas (o público)
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, Os romeiros do caracol, Auga que non vas beber...
É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621 (billete: 2 euros).