Actividades

Os monicreques de Kukas na Casa-Museo Manuel María

Os monicreques de Kukas na Casa-Museo Manuel María

21/02/2020

"Xan Perillán e a maleta máxica" será o espectáculo que Kukas representará o próximo 29 de febreiro

A Casa-Museo Manuel María acolle o próximo 29 de febreiro, sábado, ás 18 horas, o espectáculo d'Os monicreques de Kukas, "Xan Perillán e a maleta máxica". Dirixido para público familiar e crianzas, desde os catro anos, nel mestúrase o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación dos títeres.

"Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Mais, onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda das crianzas con certeza que o descubrirá. Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia…
Ai, Xan Perillán, que traballos está a pasar! E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque …agora está…agora xa non…Uf, por fin meteu todo na maleta…Xa pode marchar…"

A peza está protagonizada por Marcelino de Santiago (Kukas) e está dirixida por Isabel Rey Posada. 

O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal