Reseña da última sesión do Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María
A tardiña do 19 de xuño deu para moito na Casa-Museo, con dobre sesión do Clube de Lectura.
O encontro da sección de adultas coa escritora de Flores de ferro, María Rei, no auditorio, pechou a xornada, que comezara cunha xuntanza da rapazada na biblioteca.
A gañadora do García Barros 2020 achegounos ao proceso de escrita desta novela cuxa intriga argumental nos enganchou polo seu acerto no ritmo e na estrutura, que contrapón presente e pasado. Isto non foi froito da casualidade, senón de darlle moitas voltas e preocuparse de recibir certa formación ao respecto (onde hai que apuntarse?). Porén, os logros desta narración non se limitan á contraposición -e rencontro, dalgún xeito- de dúas xeracións moi diferentes; hai que engadirlle a intensidade das personaxes -nomeadamente as femininas-, e a ambientación dalgúns dos feitos fundamentais da trama no contexto histórico que abeira a traxedia da represión en Galiza. E aínda máis, o ameno fluír da narración acompáñase de certo lirismo expresivo e da presenza do simbólico, dende o mesmo título que se refire máis á fortaleza das protagonistas que á arte do ferreiro.
A conversa coa autora deu pé a debullar aínda moitas outras cuestións desta novela que tanto nos encheu o ollo, malia falar tamén de novos proxectos... mesmo xurdiu a proposta dun roteiro -Camiño sen límite- pola contorna onde se desenvolve a historia, a imaxinaria Briana!
Tamén falamos de libros, claro. Inevitablemente saíu a referencia ás súas lecturas de apoio para contextualización e a algunhas nosas como Memoria de ferro, de Antón Patiño.
Vémonos en setembro, para comentar O infinito nun xunco, e outra obra aínda por decidir.
Apertas de libro.