Actividades

Este sábado teatro na Casa-Museo Manuel María con "Vía Morta"

Este sábado teatro na Casa-Museo Manuel María con

O espectáculo teatral, de Culturactiva e Pallasos en Rebeldía, pretende mostrar a realidade que viven as persoas refuxiadas

Culturactiva e Pallasos en Rebeldía traen este sábado, día 27 de abril, ás 20 h, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo teatral Vía Morta. Unha peza que tenta ser, máis que unha obra teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe que procura traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público galego por medio dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis.
Agora que as persoas que, fuxindo da guerra, do terrorismo, de tiranos ou da fame, cruzan o Mar Mediterráneo xa non son noticia e deixaron de aparecer nos medios de comunicación, a montaxe pretende achegar a súa realidade e denunciar a hipocrisía dunha política comunitaria que vulnera principios básicos da lexislación internacional obrigándoos a vivir en miserábeis campamentos máis aló das súas fronteiras, cando podería acollelos e darlles o refuxio ao que teñen dereito. Vía Morta adentra ao público –literalmente– nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago - agarda poder seguir a súa viaxe até Alemaña, onde espera atoparse co seu fillo e netos. Mais o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a ollada inocente, mais crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.
Este proxecto, a través do teatro social, o compromiso político e o clown, pretende resignificar a crueza do real nunha experiencia poética compartida que sirva de reflexión e manteña viva a conciencia colectiva sobre o tema do refuxio.
O espectáculo de sesenta e cinco minutos vai dirixido ao público adulto e para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621