Actividades

O libro de banda deseñada "Desconhecido" foco do último encontro do ano do clube de lectura

O libro de banda deseñada

23/12/2019

No interior a reseña da sesión-comentario celebrada o pasado 14 de decembro

Co inverno petando ás portas abordamos esta proposta multidisciplinar de textos, música e imaxes cun mesmo fío argumental. A data cadrou co concerto de Berlai na Casa-Museo, polo que Xiao, o responsable deste proxecto, estivo con nós mentres se desenvolveu a xuntanza de comentario. Foi unha mágoa que o ilustrador da obra, Ernesto G. Torterolo non puidese acompañarnos, porén si o fixeron Pablo Pérez e Iago Mourinho, dous grandes músicos que arroupan o son de Desconhecido.

Das múltiples maneiras de contar unha historia, a deste disco-libro ilustrado non é a máis doada. Á orixinalidade do conxunto súmase o acerto na combinación de elementos diversos. Entendela en profundidade require darlle varias voltas. Por iso é tan significativo que a impresión xeral da lectura fose positiva, malia a considerable esixencia que nos supuxo apreciala na súa complexidade.

A isto hai que engadir que había entre nós quen xa coñecía este traballo e a posta en escena e quen non. O xeito de enfrontarse a el foi diferente nos dous casos: as lectoras que se achegaban por primeira vez non tiñan unhas referencias clave que seguir, só as indicacións xerais do comezo ("Maneiras de lerouvir este livro-disco" e a cita inicial de Silvio Rodríguez). Elas fixeron o camiño con máis dúbidas -e máis liberdade- na interpretación.

Esta é unha obra que admite múltiples lecturas xa que a ambigüidade dos textos é potenciada polas imaxes, que non os reproducen literalmente: establécese un diálogo entre os dous formatos artísticos, que unhas veces se contrapoñen fronte a fronte e outras veces fican integrados nun todo unificado, no que encaixan múltiples elementos.

Desconhecido non é unha narración ao uso. Está cheo de lirismo, constrúese con flashes que non pechan de todo a trama argumental. Ao ser o relato dunha historia vital complexa debúllase ante o lector un amplo abano de sensacións, non sempre agradables: o desacougo -mesmo o arrepío ás veces-, e tamén a tristura e a desolación, combínanse coa tenrura, a esperanza, o desexo e o humor. A presenza recorrente do home nu convértese no símbolo da vulnerabilidade do ser humano (estamos espidos ante a dor e o sufrimento) e, ao mesmo tempo, inscríbeo na natureza da que forma parte (non hai máis que ver a portada). Nese contexto conflúen a elección da soidade como forma de vida e como xeito de rebelarse ante a sociedade e a familia. Esta rebelión evidénciase en "Far west", peza referencial que remite á obra homónima de Carlos Negro.

A maiores, incorpóranse múltiples elementos da música popular (nos textos e na rítmica das composicións), o que contribúe tamén, xunto con outras referencias ben identificables -paquete de celtas-, a situar a historia nun tempo e nun lugar concreto, a Galicia contemporánea.

Berlai explicounos o proceso de creación de Desconhecido, dende o xerme da primeira canción –no 2010, inminente á morte de Alfonso, o protagonista- ata a publicación final en colaboración con Ernesto, o ilustrador. Na actualidade están rematando un novo proxecto, Estampas galegas.

Esta lectura, unha vez máis, lembrounos outros casos da nosa contorna vital e fíxonos reflexionar sobre o descoñecidas que poden chegar a ser en realidade persoas moi próximas, mesmo familiares.

Tamén desta volta, como vén sendo habitual, a posta en común deu lugar ao debate de diversas cuestións, máis ou menos relacionadas coa obra. Así, falamos da excesiva focalización da vida cara ao amor, que pode volverse obsesivo e mesmo autodestrutivo, e da soidade como escolla vital ou como situación non desexada, pero tamén do valor dos formatos híbridos tanto na música coma noutras artes, na necesidade de verter o pouso do popular e da tradición na creación actual, da loita entre o académico e o innovador, do valor especulativo da arte contemporánea...

Como peche a unha sesión tan intensa, asistimos ao concerto no que Berlai, ademais de interpretar as composicións de Desconhecido, agasallounos un par de novidades: "Home" e "Encerellado".

O texto poético elixido para esta sesión foi "A dor" de Eilún del Pazo Moa.

A nosa próxima lectura, As estacións do lobo, de María Reimóndez, xuntarános de novo en xaneiro.
Escollemos de novo a rebelión.

Galería de fotos

Sesión-comentario de

Sesión-comentario de "Desconhecido" e concerto de Berlai

Raquel González López (2019)

Sesión-comentario de

Sesión-comentario de "Desconhecido" e concerto de Berlai

Raquel González López (2019)

Sesión-comentario de

Sesión-comentario de "Desconhecido" e concerto de Berlai

Raquel González López (2019)