Actividades

"Desconcerto", con Fran Rei e Félix Rodríguez, este sábado na Casa-Museo Manuel María

30/05/2021

Espectáculo cómico sobre a música culta

DESCONCERTO é un espectáculo cómico sobre a música culta de Culturactiva Producións, posto en escena por Félix Rodríguez e Fran Rei e dirixido por Marcos Orsi.

Os nosos protagonistas chegan tarde ao recital. Coa orquestra a piques de comezar e o público preparado para gozar, vense na obriga de improvisar para saíren da situación. A partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando con algún que outro atranco cómico.

DESCONCERTO é, en definitiva, un divertimento que mestura temas en directo con rigorosos play-backs sobre a música culta, un achegamento á música clásica a través do humor. Montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica.

Ao longo dos seus 60 minutos de duración, neste espectáculo conviven pezas musicais clásicas de compositores como Leroy Anderson, Bach, Khachaturian, Mozart, Beethoven ou Rossini, e rutinas teatrais cómicas protagonizadas polo director da orquestra, diversos solistas, cancións a dúo, unha conferencia condensada sobre a música clásica e até un número de ballet.

Billete 2 euros. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Se o tempo acompañar, a actividade levarémola a cabo na horta da Casa-Museo Manuel María.