Actividades

"Contos entre cordas", con María da Pontragha e Bleuenn Le Friec este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María

O espectáculo achega a música da arpa a través da palabra dos contos

En Contos entre cordas, María da Pontragha, narradora oral, e Bleuenn Le Friec, arpista, percorren un mesmo camiño na procura dun lugar común entre dúas formas de expresión.
Entre a palabra e a música idearon a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non adoita escoitarse. A música clásica faise máis cercana atravesada polos contos que traen.
Mostrarannos nun espectáculo para todos os públicos, na Casa-Museo Manuel María, o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas.
Para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
María da Pontragha é educadora e antropóloga, desde sempre mantivo unha ligazón moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. En 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade.
Bleuenn Le Friec é unha arpista bretoa, galega de adopción. Aprendeu a tocar a arpa celta no ámbito da música tradicional bretoa. Despois emprendeu o estudo da arpa clásica e é con este instrumento que desenvolve hoxe a súa vida musical (Real Filharmonía de Galiza, Orquesta del Gran Teatre del Liceu, ...) como na música de raíz galega (Zumaque, Uxía, Carlos Núñez, Xoan Curiel,...).

.