Actividades

Concerto "Na casa deles", do cuarteto vocal Son de Corda

Concerto

Obra de Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Lorenzo Varela, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, alén da literatura oral, protagonizará o evento

Este sábado, día 18 de novembro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle o concerto Na Casa Deles, unha homenaxe que o cuarteto vocal Son de Corda fai a distintos distintos escritores lucenses xa falecidos. Concretamente a Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana Lorenzo Varela, Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro. 
 
Esperanza Iglesias, soprano, Carmen Prendes, contralto, Fernando G. Jácome, tenor, e Antón Castro, baixo, son as voces de Son de Corda, que co acompañamento do pianista Raúl Rodríguez e a violinista Aldara Palmeiro, interpretarán un repertorio de composicións baseadas en poemas dos escritores homenaxeados, alén doutras pezas musicais.
 
Durante o decorrer do concerto, proxectaranse sete curtas feitas por Manuel Lucas Mariño en distintos lugares vinculados á biografía e á escrita dos propios poetas, e onde persoas coñecedoras das súas obras (Mercedes Queixas, Branca Novoneyra, Alexandra Cabana, Carlos Callón, Beatriz Dourado, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba) salientan a relación dos espazos ou lugares, recollidos nas imaxes, cos escritores que protagonizan o proxecto. Nestes mesmos espazos, o compositor e produtor musical, Arturo Vaquero, gravou as distintas cancións interpretadas por Son de Corda.
 
A entrada para presenciar o concerto é libre mais é necesario facer reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.