Fundación Manuel María de Estudos Galegos
17/02/2021
Reseña trimestral de 2020
O Clube de Lectura da Casa Museo Manuel María mantivo a súa actividade no último trimestre do 2020 con lecturas e xuntanzas lectoras, que tiveron boa acollida, malia os condicionamentos derivados do COVID 19.
O 7 de novembro tivo lugar a presentación de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, coa presenza da autora, Montse Fajardo. Foi un evento aberto ao público -na medida que iso podía facerse-, pero a maioría das persoas asistentes eran lectoras deste clube, ao ser a lectura proposta nesa altura. Á xornalista pontevedresa debémoslle a descuberta desta muller, cuxa imaxe ficou vencellada para sempre á de Castelao. Nesta ben documentada biografía amósase a inmensa contribución da estradense á obra do líder galeguista (tanto á súa realización, mesmo física en ocasións, como á salvagarda do seu legado), pero tamén a fondura das súas propias conviccións. A súa traxectoria vital adquire nesas páxinas de acertado título a visibilidade que merece.
A escolla poética duns versos de Rosalía e un dóce convite serviron de peche a esta sesión.
O 20 de decembro comentamos Madia Leva, de Ana Moreiras, despois de varios meses agardando pola súa reedición. Debullámola un tanto atrapalladamente, pospoñendo a habitual valoración xeral do inicio, pois a familiaridade con moitas das expresións empregadas e proximidade de certas escenas representadas á nosa propia experiencia vital, impeliunos a falar superpoñendo comentarios e impresións moi variadas. Dalgún xeito rebordounos a maneira na que esta obra reflicte unha forma de vida que esmorece nas aldeas da contorna chairega, que á maioría non nos resulta allea, e fixemos un espello das conversas nas airas que tan ben retrata a autora, para rematar compoñendo entre todas un mosaico final. Trátase dunha interesante ollada ao mundo feminino no rural, a través de sucesivas xeracións interrelacionadas nunha mesma parroquia; neste fío condutor aniñan múltiples problemáticas, abordadas unhas con maior profundidade que outras. Malia considerarmos algunhas de nós esta dispersión temática certa eiva para o conxunto, non nos quedou dúbida de que esta banda deseñada primeiriza enceta unha traxectoria literaria e plástica moi prometora.
O petisco poético nesta xornada foi 'Facilísimo', de María Lado, ladaíña moi ao xeito para dicirlles a algunhas personaxes de comportamento enxuizable presentes no relato ambientado en Miraz.
Esa mesma tardiña estivo na Casa-Museo Antía Yáñez, que tiña un encontro coa rapazada do Clube de Lectura Xuvenil para falar de Be water, o libro correspondente ao derradeiro trimestre do 2020. Tras unha breve presentación inicial, a escritora comezou a tirarlles da lingua para facer interactiva a actividade. Aínda que a súa proposta nun principio resultou sorprendente, e máis o xeito no que abordaba cuestións pouco presentes na narrativa xuvenil, houbo demanda dunha segunda parte. As adultas tamén tivemos ocasión de saudar á autora de Senlleiras, cando pasou pola biblioteca durante o seu percorrido guiado pola Casa Museo. Mágoa non dispor de tempo para máis...
A sección xuvenil xa comezara a súa xeira previamente, o 26 setembro, data na que houbo un encontro para falar de Unha estrela no vento, de Ledicia Costas, e 4_xinetes, de Anxo Fariña; dous rexistros narrativos ben diferentes que permitiron, porén, interrelacionar algúns personaxes polo seu liderado nun grupo de adolescentes. Esta xuntanza tivo a súa propia 'banda sonora', ao dar comezo cunha dinámica que empregou algunhas pezas musicais referidas nesas obras.
Cada unha destas actividades, coma sempre, deu pé para falar dos libros e de moitas outras cousas, habida conta das poucas ocasións que hai na actualidade para participar de eventos culturais e literarios. Como seguimos á espera de que as circunstancias sexan favorables para iniciar os faladoiros, nova proposta de lecer da Casa-Museo, aproveitamos as lecturas para deslinguarnos e vingarnos de tanto confinamento.
A sesión de comentario que estaba prevista para xaneiro non tivo lugar polas recomendacións sanitariase a lexislación vixente ao respecto: tocaría O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Decidimos pospoñer o rencontro ata mellor ocasión, e engadimos dúas pezas para ler nestes tempos incertos: Abril, de Luz Darriba e Politicamente incorrecta, de Teresa Moure.