Actividades

A Tribo (Clube de leitura xuvenil da Casa-Museo Manuel María) comentan a súa última sesión de 2022

A Tribo (Clube de leitura xuvenil da Casa-Museo Manuel María) comentan a súa última sesión de 2022

Os textos sobre os que xirou o seu encontro foron distintas pezas teatrais de Manuel María

Os textos foron variados, pasando do Auto Transcendental da Escola Tradicional a Semente de dramón dos medios de comunicación, lecturas coas que reflexionamos sobre a transformación do modelo educativo dende os anos 70 ata a actualidade, cambiando dun sistema dominado pola ensinanza en castelán e o maltrato físico a outro onde idiomas como o galego, a pesar de atoparse xa no ámbito educativo, continúan a loitar por sobrevivir. Ademais diso, gustounos compartir opinións sobre o trato cara ao alumnado por parte do corpo de mestres e mestras, vendo como este se foi transformando e coincidindo en que na actualidade hai excelentes docentes, mais tamén persoas con falta de vocación, algo que inevitablemente se reflicte na calidade do ensino. Outro interesante punto foi o control do sistema educativo e da sociedade en xeral, como acontece en Semente de dramón, onde o capitalismo e a globalización se traducen nun control dos medios de comunicación, sendo un dos principais elementos de manipulación dunha sociedade (des)informada. A isto úneselle un aumento incontrolado do consumismo, para o que eventos como o Black Friday son de gran axuda, fomentando así o individualismo e a compra incontrolada de obxectos que, na maioría dos casos, son innecesarios. 
 
A sesión do clube foi seguida dos comentarios de Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e da Farsa de Bululú, centrándonos na liberdade de expresión por un lado e na loita do pobo e control caciquil polo outro.
 
Todas estas obras tamén nos deron pé a falar da realidade social e política na que o autor se atopaba ao escribilas, xa que a ditadura e censura estaban moi presentes. Dese xeito, comparamos a súa realidade coa nosa, chegando a preguntarnos se a día de hoxe nos atopamos nun proceso de involución ou non. A conclusión é que as pezas seguen a ser moi actuais a día de hoxe, polo que grazas a Manuel María puidemos introducirnos nunha interesante reflexión sobre a realidade que el viviu e a que nós, dentro desta sociedade, estamos a protagonizar.