Actividades

A próxima cuarta feira preséntase o libro Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997)

A próxima cuarta feira preséntase o libro Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997)

29/04/2021

Será ás 19.30 na A. C. Alexandre Bóveda, na Coruña

Esta próxima cuarta feira (mércores), 5 de maio, ás 19.30 h, no local da A.C. Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16, 1º), terá lugar a presentación de Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997), unha edición de Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Freixeiro Mato e editada pola Casa-Museo Manuel María.

Manuel María (1929-2004) e Neira Vilas (1928-2015) son dous autores fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX. Ambos pertencen, por idade, á mesma xeración, mais en canto o primeiro desenvolve a súa actividade literaria desde o interior da nación en tempos de ditadura e nas primeiras décadas do período posfranquista, o segundo faino fundamentalmente desde a Galiza emigrante, seguindo o pulso cultural do seu país a quilómetros de distancia. Aínda así, mantiveron unha intensa relación por correspondencia, nomeadamente na década de 60 e nos primeiros anos da seguinte, que se foi transformando nunha amizade epistolar sustentada no compromiso mutuo coa lingua e a cultura galegas e coas clases populares.

Intervirán os propios profesores da UdC e amigos da Fundación,  Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Para asistir, cómpre inscribirse no correo da A.C. Alexandre Bóveda: acab@mundo-r.com