Actividades

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado o documentario "Xove, democracia nuclear"

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado o documentario

Após a proxección haberá un coloquio con Emilio López Pérez, "Milucho", destacado activista da loita contra a central nuclear

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 16 de marzo, ás 19 h, a proxección do documental “Xove, democracia nuclear”, do xornalista Pedro Lechuga Mallo. A peza audiovisual recupera as historias vividas durante a década de setenta na provincia de Lugo, e concretamente na Mariña, cando se fixo público en novembro de 1973 o proxecto de construción dunha central nuclear na enseada de Regodela, no concello de Xove.
 
No documentario, que recolle as importantes mobilizacións sociais que se levaron a cabo  contra o proxecto de Fenosa, interveñen distintas persoas entre as que se encontran veciños,  persoas vinculadas ao nacionalismo, xornalistas, historiadores, o alcalde de Xove naquela altura..., entre elas, Emilio López Pérez, “Milucho”, exdirixente das Comisións Labregas e destacado activista da loita contra a nuclear, que manterá logo da proxección un coloquio co público asistente. 
 
A asistencia á proxección é de acceso libre até completar o aforo do auditorio da Casa-Museo, mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. A actividade conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.